HISTORIA

Asociación Profesional Lyoglobalteam da provincia de Lugo (LGT), é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter multisectorial, fundada no ano 2011, e que xa representaba nos seus inicios a máis de 30 socios/as, sendo o perfil principal dos mesmos, persoas emprendedoras.

LGT pretende a promoción e a defensa dos valores humanos, sociais e profesionais centrándose fundamentalmente na figura das persoas emprendedoras, dando apoio tanto ó inicio da actividade como ó longo de toda a súa vida profesional.

LGT pretende asociar ó maior número posible de persoas, e para iso organiza de xeito periódico unha serie de actividades e eventos entre os que destacamos:

  •  Información continua sobre novas oportunidades de negocio.
  • Organización de xornadas de difusión con relatores de contrastado prestixio empresarial.
  • Asesoramento a emprendedores para a posta en marcha dos seus negocios.
  • Programación de cursos de formación continua e ocupacional.
  • Establecemento de relacións de colaboración con entidades oficiais e privadas, nacionais e estranxeiras, inspiradas en finalidades similares ás da Asociación.

A partir de xullo de 2015, a Asemblea Xeral elixirá unha nova Xunta Directiva e iníciase unha etapa caracterizada pola potenciación da Asociación como órgano interno de representación lexitimado que serve de impulso para xestionar e coordinar axeitadamente a defensa dos intereses do tecido produtivo dos socios/as e a sua contorna próxima. Neste ano 2015, a Asociación incorpórase á Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e á Asociación de Comerciantes e Empresarios Autónomos da Provincia de Lugo. Actualmente está representada nos órganos de goberno dunha destas organizacións ó ostentar  a Presidencia de ACEAL.

Como elemento dinamizador, constátase que a Asociación supón contar cunha figura máis áxil e eficiente para devolver ós empresarios/as e á sua contorna o posicionamento estratéxico que lle corresponde pola súa echega ó valor da economía galega.

Ademais, comprobouse de novo, que unha configuración axeitada e organizada do territorio supón, de feito, un factor crítico para potenciar a competitividade empresarial. Por iso, dispor dun espazo físico acorde á capacidade evolutiva das empresas que participan na Asociación, supón para LyoglobalTeam o reto máis importante que se haberá de acadar.

A Asociación Profesional LyoglobalTeam  constitúese no ano 2011 por iniciativa dun grupo de emprendedores asentados na provincia lucense, co obxectivo de contar cunha institución que defendese os intereses xerais e que permitise acometer unha xestión común das demandas das empresas desta capital e das áreas limítrofes, xerando as sinerxías correspondentes.

Polo seu compromiso de servizo, e pese a que non ten carácter obrigatorio para os emprendedores/as e empresas asociadas, conseguimos ano tras ano medrar, ata chegar a máis de 250 socios/as na actualidade. Moitos consideraron necesario asociarse, pola non obriga de pagar unha cota, o que lle permite á Asociación estar lexitimada como o máximo órgano de representación das empresas situadas no seu ámbito de actuación para ser o interlocutor de referencia coas Administracións Públicas e demais entidades.

Así, xerando un maior valor engadido ás empresas, as perspectivas futuras apuntan a conseguir  o seu propio impulso, xerando un maior compromiso, se cabe, coa Asociación e co futuro dos empresarios/as e persoas emprendedoras, e a lograr a máxima colaboración das Administracións para asentar o seu funcionamento e o seu contido social.